Non pedimos que nos regalen pisos, só que os poidamos pagar
galicia-hoxe.com (Galicia) - 14 de noviembre de 2006
 
Quere concienciar os mozos de que hipotecarse de por vida "non é o mellor porque catro ladrillos non o merecen", e confésase "orgulloso" por achegar o seu gran de area no "destape" dos escándalos urbanísticos

Desde Madrid estendeuse unha corrente de loita cívica a prol de garantir o acceso á vivenda para todos. Detrás deste movemento xurdido de internet está José Luis Carretero, que chama á participación estable en Galicia.

¿Como se xestou esta plataforma pola vivenda?

Leva xa constituída case tres anos, e saíu dos foros de internet, porque se comezou a falar sobre o tema da burbulla inmobiliaria, un problema de preocupación cidadá bastante palpable porque a xente non podía nin mercar nin alugar. Dentro deses foros a xente aliñábase con dúas posturas: unhas miraban o tema como algo meramente económico, como un problema de mercado internacional; pero outro grupo de xente, entre os que me atopo eu, pensamos que aquí pasaba algo máis, un problema coa clase política que fomentou esta situación dantesca no mercado inmobiliario. Así comezamos a charlar, montamos a primeira páxina web con asembleas periódicas en Madrid e naceu o primeiro marco reivindicativo coas manifestacións. O primeiro "hit" gordo foi en xuño do 2004, cando 10.000 persoas saíron á rúa polo dereito ó teito e contra a especulación. Como vimos que aquí as cousas funcionaban, decidimos exportar o modelo e plantar a semente noutras comunidades. Agora temos comité en Euscadi, en Valencia, en Cataluña e en A Rioxa.

¿Para cando en Galicia?

Caerá tamén pronto, pero isto depdende do voluntariado porque somos apartidistas e sen ánimo de lucro. Con Galicia tivemos varios contactos, pero estamos agardando para ver se se dá o paso definitivo da primeira xuntanza, o primeiro empurrón, que é a clave para que todo funcione ben.

Reivindicades moitas cousas, pero ¿cal é a vosa principal bandeira: que a vivenda sexa un dereito para todos?

Temos un documento de traballo interno onde nos centramos en cinco reivindicacións, pero basicamente o que queremos é sacar a vivenda da lóxica do mercado porque é un ben de primeira necesidade. Non entendo por que nun país con tantas vivendas baleiras hai un sector importante da poboación ó que se lle nega este dereito. Non pedimos que nos agasallen con pisos, só que a xente os poida pagar e non tiren a vida nunha hipoteca. Tamén como imos ó fondo do problema tocamos outras problemáticas vencelladas como os temas ambientais e a precariedade laboral. O fin é abandonar esta loucura, que a vivenda se vexa como o que é, unha necesidade desde o home das cavernas, polo que teñen que cambiar moitas cousas desde a Administración chegando ás comunidades e ós concellos, que basean o seu financiamento no solo.

Tras a manifestación da vosa plataforma do pasado 28 de outubro a ministra Trujillo declarou que está de acordo con todo o que pedides. ¿É unha tomadura de pelo ou realmente pénsao?

Parécenos ben que a señora ministra diga o que queira. Nós xa tivemos algún contacto co PSOE para preguntarnos aquí en Madrid a nosa opinión en varios temas, non sabemos moi ben por que, pero seguimos sen medidas. De todas as maneiras, é un tema complicado porque todos os partidos se financian con isto. Cando toda esa cadea provoca esta espiral de corrupción, a solución pasa polo pacto de Estado, que suxire o informe do Instituto da Vivenda, algo bo que si fixo este goberno, que chama a cambiar o sistema de financiamento.

Falas das pelotadas urbanísticas. ¿Que sentes cando les nos xornais todos os días esas noticias sobre corrupción e urbanizacións en medio da nada con campos de golf?

Sinto alegría, porque o levamos denunciando de sempre. Síntome ademais orgulloso porque contribuímos co noso gran de area a que isto saia á luz pública. Aquí todos están levando cartos a mancheas sen que se soubese nada, polo que é lamentable este escándalo nun Estado de dereito. O outro día, por exemplo, fomos portada do Washington Post e no Times un artigo denomínanos "os piratas do Mediterráneo". Vergoñento.

Entón, que lles queda ós mozos: ¿hipotecarse ata as cellas ou pagar un alugueiro de vertixe?

É complicado, porque moitas veces me preguntan que é unha vivenda digna, e eu creo que responde á adecuación familiar ou persoal, inflúen as circunstancias de cadaquén. O que se lle poida recomendar a mozos que cobren un diñeiral non é o mesmo que o da inmensa maioría, é dicir, os mileuristas. Tamén todo é responsabilidade de cada un, porque se asumimos unha hipoteca ata a vellez estamos aceptando un status das cousas que leva a situación ata os extremos, polo que queremos concienciar a xente de que non é o mellor para a vida dun, porque catro ladrillos non o merecen.

¿Que che parecen as hipotecas a máis de cincuenta anos?

Hainas xa a 55 anos, é unha burrada. A xente engánana con dogmas que son falsos, como que a vivenda nunca baixa, venden que é o mellor investimento da túa vida e aseguran que noutros países hai hipotecas a cen anos, pero o que non contan é que están feitas para a xente que non as pode pagar.

A xente está tirando a súa vida, e non nos decatamos, incluso isto afecta á educación dos fillos, que é máis deficiente porque os pais pasan o día traballando para pagar as facturas. Só por poñer un exemplo: un piar fundamental da economía de España é o pequeno negocio, e se os mozos teñen estas débedas, ¿quen vai levantar unha peme? Por iso dicimos que o programa da vivenda é moi grave, porque engloba case todos os aspectos da vida.

Moitos críticos co voso movemento queren vencellarvos cos okupas. ¿Que opinas desta asociación?

O movemento okupa ten unha carga ideolóxica moi importante, e loita co tema da vivenda á súa maneira, pero a nós que non nos vinculen con iso, porque un dos nosos piares é o cumprimento da legalidade vixente. Os que nos critiquen, que o fagan desde o coñecemento. Nós somos reformistas e buscamos un pacto de Estado, pero hai xente que busca unha revolución desta problemática.

enlace a la noticia

 
NOTA: Si crees interesante esta noticia, colabora con su difusión copiando este link y pegándolo en otros foros y blogs:
http://www.viviendadigna.org/?ver_noticia.php?id=4560
 
COMENTA ESTA NOTICIA
 
Nombre/Nick:
  Clave:
(opcional, para usuarios
 registrados en el foro)
Comentario:
 
Introduzca los caracteres de la imagen: Captcha
 
 
ENVÍA ESTA NOTICIA A UN AMIGO
 
Tu email:
  Email de tu amigo:
 
 
 

© 2003-2020. Plataforma por una Vivienda Digna